A pegada de carteis terá lugar o xoves 11 a partir das 23.45h na praza de Pablo Iglesias, enclave simbólico para os socialistas coruñeses
Os socialistas da Coruña realizarán o vindeiro xoves 11, a partir das 23.45h, o tradicional acto de pegada de carteis que da comezo á campaña electoral das eleccións municipais do 28 de maio. O acto celebrarase no barrio do Castrillón, na praza Pablo Iglesias. Un enclave simbólico para os socialistas da Coruña e de referencia para o goberno municipal encabezado pola alcaldesa, Inés Rey. “Iniciamos a campaña na praza Pablo Iglesias porque representa os valores da equidade, progreso e xustiza social que nos caracterizan como socialistas e que representan tamén o noso primeiro mandato como goberno” explicou Inés Rey.
A rexedora e candidata á reelección lembrou que nestes primeiros catro anos como alcaldesa conseguíronse desbloquear demandas históricas nos barrios da cidade entre as que destaca o polideportivo do Castrillón. “Unha demanda dos veciños do barrio de hai máis de dúas décadas que foi posta en marcha neste mandato”.
Inés Rey presidirá o acto de pegada acompañada por membros da súa candidatura e militantes socialistas no que se presentará a imaxe de cartel coa que concorre aos comicios. Baixo o lema A Coruña que avanza, Rey preséntase á súa reelección como a “única garantía de progreso para que A Coruña siga avanzando”.