A alcaldesa aspira a obter o apoio maioritario da cidadanía sendo a lista máis votada
Presentou o equipo que integra a súa candidatura ás municipais como “o próximo goberno da cidade”

A alcaldesa da Coruña e cabeza de lista dos socialistas nas eleccións do 28 maio presentou oficialmente hoxe a súa candidatura rodeada polos 26 coruñeses e coruñesas que a acompañan na lista do PSdeG na cidade. No acto interviron con ela o Delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, o secretario xeral dos socialistas galegos e presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a socialista Carmen Marón, que de xeito simbólico pecha as listas coas que Rey se presenta para revalidar a alcaldía.
“Somos unha cidade marabillosa e cun potencial único”, indicou Rey nunha Fundación Luis Seoane ateigada de público. A candidata recordou que despois de oito anos esmorecendo, a situación mudou no 2019: “Conseguimos devolver á Coruña ao lugar que merece”, explicou a cabeza de lista dos socialistas, que recordou que este mes cúmprense tamén 40 anos da primeira vitoria socialista nunhas eleccións municipais. “Somos os socialistas os que mellor sabemos entender a esta cidade, unha cidade que recuperou a súa ambición sen complexos”, indicou.
“Temos un proxecto para poñer en marcha a segunda gran modernización da Coruña”, dixo a rexedora nun acto no que tamén recordou as vitorias electorais de Francisco Vázquez e de Javier Losada e os cambios que supuxeron para o municipio. “Temos o mellor equipo, homes e mulleres capacitados, solventes profesionalmente e que coñecen e queren a esta cidade, e que estou segura terán a responsabilidade de formar parte do próximo goberno da cidade” destacou Rey, arropada polos 26 integrantes da súa lista.
“Temos un proxecto progresista e de futuro para os próximos dez anos e imos a por todas para conseguir o apoio maioritario que nos permita ser a forza política máis votada e seguir apostando pola cidade con máis forza, con máis ambición e con máis orgullo” subliñou.
Inés Rey recordou durante a súa presentación que durante os últimos catro anos executáronse investimentos en todos os barrios que superan os 75 millóns, destacando a consecución de 53 millóns de fondos europeos para poñer en marcha proxectos que están a mudar moitas rúas e prazas.
