Destaca os 6 millóns de euros acadados neste mandato que permitirán desenvolver actuacións integrais en barrios como o das Flores
A alcaldesa reuniuse coa Asociación Veciñal no novo espazo TEU para seguir avanzando nas actuacións de accesibilidade e mellora do barrio

 

                                                    Inés Rey reunida coa asociación veciñal do Barrio das Flores

A alcaldesa e candidata á reelección, Inés Rey, mantivo unha reunión esta tarde coa Asociación Veciñal do Barrio das Flores para atender as súas propostas de cara ao vindeiro mandato. A alcaldesa puxo en valor as actuacións realizadas nestes primeiros catro anos de goberno entre as que destacou os fondos acadados para a rehabilitación de vivendas do Barrio das Flores que supoñen “a maior inversión comprometida ata o momento neste barrio”.

 

A reunión tivo lugar no novo espazo TEU, situado na rúa Azahar, un equipamento social aberto no pasado mes de abril para o uso dos veciños e veciñas do Barrio das Flores. “O espazo TEU era unha instalación demandada pola asociación veciñal como espazo de reunión e encontro do barrio e que puxemos a súa disposición avanzando na liña de revitalización marcada dende inicios do mandato” sinalou Rey.

 

Neste primeiro mandato do Goberno de Inés Rey acadáronse un total de 53 millóns de fondos europeos, 6 dos cales foron asignados para a rehabilitación de vivendas nos diferentes barrios da cidade. “Somos conscientes de que este barrio precisaba unha atención especial no marco da rehabilitación, por iso sentamos como prioridade as actuacións no ERRP do Barrio das Flores destinando 2.573.283,54 euros destes fondos á rehabilitación de vivendas do barrio de Flores” explicou a alcaldesa. Rey tamén destacou a rehabilitación enerxética das fachadas nos grupos de vivendas do Barrio das Flores realizadas tamén neste mandato.

 

A alcaldesa lembrou tamén que os Fondos Next Generation permitirán acometer unha actuación moi demandada para mellorar a accesibilidade no barrio, facendo un novo acceso dende a avenida de Monelos e creando unha rampla na rúa Castaños para que o acceso ás vivendas sexa totalmente accesible. Unha actuación que contará cun orzamento superior aos 206.150,7 euros.

 

 

Actos de campaña

 

Mañá, xoves 11 de maio, os Socialistas da Coruña realizarán o tradicional acto de pegada de cartel no barrio do Castrillón. A praza Pablo Iglesias, lugar simbólico para os socialistas, será o enclave no que a alcaldesa, Inés Rey, presentará o cartel electoral baixo o lema A Coruña que avanza.

 

Xa o venres 12, ás 19.30 h, Rey presidirá o acto de apertura da campaña electoral que terá lugar no CEIP Curros Enríquez, en Monte Alto. A alcaldesa estará acompañada da vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, para respaldar o modelo de cidade de Inés Rey. Trátase dunha convocatoria aberta a todos os coruñeses e coruñesas na que a alcaldesa porá en valor o seu proxecto para os vindeiros anos.