Estudei psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e no ano 1993, tras aprobar as oposicións de psicóloga do Ministerio do Interior, iniciei a miña andaina profesional que me levou do sur ao norte para volver a Galicia e instalarme na Coruña.
Neses anos, a experiencia que deixou unha pegada que define o meu carácter foi a Subdirección do cárcere de Bilbao. En anos máis próximos marcoume o movemento feminista e a toma de conciencia deses micromachismos que asumiamos nunha aprendizaxe sen crítica nin debate , sen dúbida, vivín unha auténtica “revolución feminista persoal”.
Os retos son unha motivación que nos move e que impulsa ao ser humano e así vexo o meu futuro inmediato, con traballo e responsabilidade. Participo na vida coa paixón herdada dunha mocidade curiosa e rebelde e a serenidade que proporciona as experiencias vitais.