Nacín en León en 1972 e pasei a miña infancia e mocidade entre Madrid e Tenerife. Estudei Xornalismo, Ciencias Económicas e Ciencias Políticas na Universidade Libre de Berlín e realicei un doutoramento europeo en Ciencias da Comunicación na USC.
Traballei primeiro como xornalista en radio, televisión e prensa escrita así como axencias de comunicación e gabinetes de prensa en Berlín, Canarias e Madrid compaxinando o labor xornalístico con traballos como freelance para grandes axencias de música nacionais realizando importantes xiras de artistas internacionais por España.
A vida tróixome a Galicia no 1999 co obxectivo de levar a Galicia polo mundo e exportar a música galega, concretamente o folk galego, a nivel nacional e internacional. Desenvolvín unha longa carreira en xestión cultural tanto no ámbito privado como público. Primeiro traballando para o sector privado tanto en axencias na produción musical como de freelance para distintos festivais e máis adiante afinqueime definitivamente na Coruña para dedicarme ao ámbito cultural nalgunhas das institucións máis significativas da cidade como a Fundación Barrié ou a Orquestra Sinfónica de Galicia.
Máis tarde comecei a traballar no Concello de A Coruña como directora do Forum Metropolitano (2007-2011), desde 2018 como directora do Teatro Colón e desde 2019 como directora da área de cultura.